18-6-2009
Decidiron en asemblea atacar as grandes distribuidoras galas, para denunciar a entrada, a baixo custo, de leite foráneo no país.
A primeira hora da mañá os gandeiros que permanecían en Compostela, após a tractorada desenvolvida esta cuarta feira, xuntáronse en asemblea na explanada de Salgueiriños, onde permanecían aparcados os seus tractores.
Por volta das 11h00 decidiron desenvolver unha primeira acción do día: varios centos de gandeiros desprazáronse en automóbiles particulares -deixando os tractores en Salgueiriños- cara o Polígono de Costa Vella. Alí tentaron entrar nun Maxi Dia, unha macro-cadea de distribución francesa, mais un gran despregue policial impediulles o paso, polo que decidiron entrar no supermercado Lidl. Xa dentro do predio, encheron varios carriños de cartóns de leite, que guindaron sobre o chan á saída. A explanada de diante do Lidl e máis parte do aparcadoiro quedaron inundados de leite.
A media mañá dispoñíanse a partir cara outra gran superficie, segundo lle contou á Radio Galega o voceiro de Gandeiros Unidos, Xosé Agra, que convocaba esta mobilización. Agra lembrou que esta acción foi motivada pola situación de crise extrema que están a vivir as explotacións do país, e sinalou que a idea era "visitar un supermercado, e informar aos compradores de que o leite que se vende a baixo custo, de importación, está a prexudicar os produtores galegos".
De mañá os gandeiros recibiron unha comunicación da Consellaría de Medio Rural, que os informaba da vontade da Administración de tentar sacar o sector da fonda crise na que está aboiando. Mais, segundo Agra, con isto non chega, porque "as medidas deben ser inmediatas, porque arestora non hai marxe de manobra, e en pouco tempo poden desaparecer moitas explotacións".
Nova tractorada por Compostela
Mentres, segue convocada unha tractorada para a tarde, que está previsto saia ás 16h00 de Salgueiriños, e percorra as rúas do centro de Compostela até as 19h00, aínda que a mobilización se podería prolongar máis, debido aos problemas de tránsito. Á noite, así termine a tractorada -na que se prevé participen uns 800 tractores-, os gandeiros convocaron unha outra asemblea aberta, na que decidirán se secundar a acción que os tres sindicatos agrarios (XXAA, UUAA, e SLG) convocaron para esta sexta feira ás portas de grandes superficies.
No hay comentarios:
Publicar un comentario